Recomendacións literarias para o Nadal
- bibliocaboarea
- 18 dic 2022
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 20 dic 2022
A Biblioteca de Infantil e Primaria elaborou unhas serie de recomendacións literarias especialmente pensadas para gozar da lectura en familia durante as datas navideñas que xa se aproximan. Non vos perdades a selección de textos realizada para os nosos primeiros lectores, entre os que se atopan títulos como Topito terremoto, A casa da mosca chosca, El libro negro de los colores, Evolución, Frida McMoon, La lista mágica de los animales, Por una mosca de nada ou O carballo.

Para os "lectores e lectoras en marcha", o equipo da Biblioteca de Infantil e Primaria propón textos como ¡A la una, a las dos y a las tres!, Vivir. Los animales bajo una nueva mirada, Jack Mullet de los Siete Mares, El hilo de Clara, Ninguén coma min, Amelia Fang e o baile barbárico, Todo lo que brilla e Teño oito anos e quero ser youtuber.

Así mesmo, os lectores e lectoras dos últimos cursos de Primaria poderán atopar na seguinte ligazón suxestións literarias como Para quien se atreve a soñar, Circo, Veinte mil leguas de viaje submarino, El hombre que plantaba árboles, H2... Pingas científicas Oh!, Pegadas na tinta, El bestiario de los números e Dragón busca princesa:
A Biblioteca de Secundaria do CPI Cabo da Area preparou un tríptico con recomendacións e novidades literarias en galego que poden resultar de interese para que o alumnado se achegue a estas obras durante as vacacións de Nadal. Trátase dun período idóneo para sumerxirse na lectura de textos de aventuras, como Plus ultra, A gruta da torre ou O neno de lume; libros de misterio, como Que me pare o corazón se te esquezo ou A vida secreta de Úrsula Bas; de medo, como Trece avisos. Contos para ler pola noite; xunto con outros de carácter máis reflexivo, como As mulleres que cultivaban néboas, arredor da violencia de xénero, ou Non penses nun elefante rosa, sobre a importancia da saúde mental. Finalmente, nesta escolma, podedes atopar tamén un libro de contos sobre a amizade e a vida, Algúns contos completos; e o poemario Materia, arredor da memoria histórica e a renuncia do eu lírico á maternidade.


Por outra banda, a Biblioteca de Secundaria ofrece tamén unha selección de títulos en galego e castelán para os lectores e lectoras adultos que forman parte da nosa comunidade educativa. O compendio inclúe novela negra, como El caso Alaska Sanders ou La ladrona de huesos; textos de trasfondo histórico, como O camiño do lume, Azucre ou Violeta; obras que afondan nas grandes preocupacións do ser humano, como A culpa, Os seres queridos ou o poemario Lixeiro; e textos que reflexionan sobre a emigración galega na segunda metade do século XX, como Ninguén queda ou Virtudes (e misterios).


Gozade da lectura e feliz Nadal!
Comments