O martes, 4 de xuño, a biblioteca do CPI Cabo da Area recibiu a visita da poetisa Natalia Lema co fin de participar nun encontro literario co alumnado do club de lectura de secundaria do CPI Cabo da Area.
Os estudantes realizaron coa autora un percorrido pola súa traxectoria profesional e artística e entrevistárona arredor da construción literaria da antoloxía traballada durante as sesións do club de lectura: Do amor e o delirio. No poemario, Natalia Lema aborda o sentimento amoroso desde perspectivas moi distintas, incluídos o amor platónico e o amor correspondido.
O acto incluíu tamén a sinatura de exemplares e un pícnic literario cos versos extraídos do poemario que resultaron máis significativos para os membros do club de lectura.
Finalmente, Natalia Lema foi agasallada cos materiais de creación orixinal confeccionados polo alumnado do club de lectura: debuxos da portada de Do amor e o delirio, e retratos da autora, marcapáxinas e chaveiros arredor da antoloxía presentada.
コメント