top of page

A NOSA BIBLIO

Somos a biblio do Cabo da Area, en Laxe. Tentamos que haxa libros abondo que vos fagan vivir nas nubes!

bibliocaboarea

ENCONTRO LITERARIO DO CLUB DE LECTURA DE 1º ESO CON PEPE CARBALLUDE

O pasado 9 de abril, o novelista Pepe Carballude participou nun encontro literario co alumnado do club de lectura de 1º ESO do CPI Plurilingüe Cabo da Area. A biblioteca de secundaria acolleu o coloquio, que comezou ás 11.35h e se prolongou ata pasadas as 12.45h. O acto estivo presentado por Nuno e Breogán Tirado, Paula Lema e Borja Pereiro, que deron a benvida ao autor e realizaron unha extenso percorrido pola súa traxectoria literaria, mencionando as obras publicadas por Pepe Carballude, así como os múltiples galardóns obtidos en distintos certames de gran prestixio a nivel autonómico e nacional.

A continuación, os presentadores deron paso á lectura dunha pasaxe da novela De como o Santo dos Croques se fai peregrino, entoada por Óscar Toja. Logo, Nuno, Breogán, Paula e Borja moderaron a entrevista que os seus compañeiros e compañeiras lle formularon a Pepe Carballude. Así, Lara, Naia, Carla Ordóñez, Carla Castro, Claudia, Nerea, Óscar, Érik, Fatou e Pablo foron os encargados de formular as preguntas ao autor arredor da súa traxectoria literaria, o seu proceso de escritura e a construción dos personaxes e as tramas de De como o Santo dos Croques se fai peregrino.

Finalmente, os presentadores do acto amosaron ao escritor os materiais creados especialmente para o encontro: retratos sobre a súa figura, marcapáxinas, chapas coas portadas do texto lido polo alumnado do club de lectura de 1º ESO, para rematar o evento coa sinatura de exemplares e un pícnic literario que incluía algunhas das afirmacións máis destacadas do autor sobre a súa obra, extraídas das entrevistas que lle foron realizadas na prensa autonómica e nacional.

O club de lectura de 1º ESO do CPI Plurilingüe Cabo da Area desexa agradecer expresamente a presenza de Pepe Carballude no noso centro. A súa amabilidade, capacidade de comunicación e xenerosidade á hora de permitir a gravación do acto para a radio escolar converteu o encontro con el nun día inesquecible para a nosa comunidade educativa.



16 visualizaciones0 comentarios

Comments


bottom of page