top of page

A NOSA BIBLIO

Somos a biblio do Cabo da Area, en Laxe. Tentamos que haxa libros abondo que vos fagan vivir nas nubes!

  • bibliocaboarea

Encontro literario con Arantza Portabales

O pasado 14 de febreiro, a novelista Arantza Portabales participou nun encontro literario co alumnado de club de lectura de Primaria e Secundaria do CPI Cabo da Area. A biblioteca do centro, en colaboración do equipo de Dinamización da Lingua Galega, acolleu o coloquio, que comezou ás 17h e se prolongou ata pasadas as 18.30h. O acto estivo presentado por Ainhoa Fandiño Rama (5º EP), Alma Varela Lema (5º EP), Carla Castro Silva (6º EP), Breogán Tirado Lage (6º EP), Naia Lema Lema (6º EP) e Claudia Senande Lema (6º EP), que deron a benvida á autora e realizaron unha extenso percorrido pola súa traxectoria literaria, mencionando os títulos de narrativa breve e novela publicados ata o momento por Arantza Portabales, así como os múltiples galardóns obtidos en distintos certames de gran prestixio a nivel nacional.



A continuación, os presentadores deron paso á lectura dramatizada dunha adaptación do capítulo “Quen matou a Xiana Alén?”, procedente da novela Beleza vermella, e protagonizado por Aroa Allo (4º ESO) e Cristina Santos (3º ESO), que encarnaron os papeis de Sara Somoza e Teo Alén; Bryan Mouzo (4º ESO) asumiu o rol de Connor Brennan; Blanca Charlín (4º ESO) e Saskia Rodríguez (4º ESO) foron os inspectores Ana Barroso e Santi Abad, respectivamente; Iria Costa (3º ESO) converteuse na narradora; e, finalmente, Emma Lobelos (3º ESO) e Sara Bello (3º ESO) interpretaron a Inés Lozano e Fernando Ferreira.

Logo, Ainhoa, Alma, Carla, Breogán, Naia e Claudia moderaron a entrevista que os seus compañeiros e compañeiras de Secundaria lle realizaron a Arantza Portabales. Así, Iria Costa, Cristina Santos, Sara Bello, Ainara Rodríguez, Xiana Sueiro, Aroa Allo, Blanca Charlín e Saskia Rodríguez foron as encargadas de formular as preguntas á autora arredor da súa traxectoria literaria, o seu proceso de escritura e a construción dos personaxes e as tramas de Beleza vermella e A vida secreta de Úrsula Bas.











Finalmente, os presentadores do acto amosaron á escritora os materiais creados especialmente para o encontro: retratos e caricaturas sobre a súa figura, marcapáxinas, chapas coas portadas das dúas obras antes mencionadas, para rematar o evento coa sinatura de exemplares e un pícnic literario que incluía algunhas das afirmacións máis destacadas da autora sobre a súa obra, extraídas das entrevistas que lle foron realizadas na prensa nacional ata o momento.











O club de lectura do CPI Cabo da Area desexa agradecer expresamente a presenza de Arantza Portabales no centro en vésperas da presentación do seu próximo libro: O home que matou a Antía Morgade, pois nos días posteriores ía mergullarse nunha intensa xira de promoción do texto. A súa amabilidade, capacidade de comunicación e xenerosidade á hora de permitir a gravación do acto para a radio escolar converteu o encontro con ela nun día inesquecible para a comunidade educativa do centro.

7 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

2 de Maio: día Internacional contra o Acoso Escolar:

O 2 de maio celébrase o Día Internacional contra o Acoso Escolar. Segundo a UNESCO, dous de cada dez alumnos sofre ou sufriu nalgún momento bullying. Un dos colectivos máis afectados por esta problemá

bottom of page