Día Internacional das Persoas con Discapacidade (03/12) e dos Dereitos Humanos (10/12)
- bibliocaboarea
- 2 dic 2022
- 1 Min. de lectura
O 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, vencellado este ano á procura de solucións transformadoras para un desenvolvemento inclusivo, onde a educación e a innovación xogan un papel fundamental para impulsar un mundo accesible e equitativo.
A inclusión da discapacidade é condición esencial para o respecto aos dereitos humanos, cuxo día internacional se conmemora o vindeiro 10 de decembro. Promover os dereitos das persoas con discapacidade non é só unha cuestión de xustiza, senón un investimento no noso futuro común.
Por iso, a Biblioteca de Infantil e Primaria do CPI Cabo da Area realizou unha escolma de recursos que podedes atopar nas súas instalacións para o traballo coas linguaxes múltiples e a aceptación da diversidade. Velaquí tedes algúns dos materiais que favorecen a aprendizaxe das persoas con discapacidade, así como a reflexión arredor das súas dificultades, dereitos e necesidades.
Pola súa parte, a Biblioteca de Secundaria do centro preparou un tríptico con recomendacións literarias, afondando na liberdade do individuo, na reivindicación da igualdade persoal e social, na transmisión dos valores democráticos e no rexeitamento da inxustiza, a violencia, os conflitos bélicos, a opresión...
Non deixedes de botarlle unha ollada a esta selección de obras que vos propoñemos e de elixir algunha delas como lectura reflexiva en homenaxe ás datas nas que nos atopamos.
Comments