Día Internacional da Educación (24 de xaneiro)
- bibliocaboarea
- 25 ene 2023
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 26 feb 2023
Con motivo da celebración do Día Internacional da Educación, que se celebrou este martes, 24 de xaneiro, a Biblioteca de Infantil e Primaria do CPI Cabo da Area inspirouse no relato Biblioburro, de Jeanette Winter, para reflexionar co seu alumnado sobre a importancia do acceso á formación académica e cultural. Nel, o mestre Luís decide cargar a dous dos seus burros, Alfa e Beto, con libros para levalos aos nenos que viven en zonas rurais moi afastadas. Desde ese momento, o protagonista percorre o país coa súa biblioteca ambulante para enriquecer as vidas e as mentes dos cativos a través da lectura, que lles permite viaxar, imaxinar e soñar con outros mundos. En honor a este relato, o alumnado de Infantil e Primaria deseñou o seu propio “biblioburro”, como símbolo da relevancia da educación nas súas vidas.




Ademais, o alumnado de Infantil e Primaria participou activamente na confección dun gran xirasol que preside a entrada da Biblioteca, co fin de incluír nos seus pétalos aqueles termos que cada grupo de ambas etapas relaciona co ensino e a aprendizaxe.


Finalmente, os estudantes de Secundaria do centro realizaron unha indagación sobre algúns dos problemas máis acuciantes da sociedade actual vencellados ao ámbito educativo: índices de analfabetismo no mundo, desigualdades no acceso á formación académica, acoso escolar, discriminación…. O alumnado da ESO recolleu o resultado da súa investigación en diversos murais que se atopan expostos na Biblioteca do centro.




Comments