Día das Escritoras (15 de outubro)
- bibliocaboarea
- 2 oct 2022
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 17 oct 2022
Con motivo da conmemoración do Día das Escritoras, que se celebrará o vindeiro 15 de outubro, a Biblio do Cabo organizou unha exposición composta por algunhas das obras máis destacadas de autoras recoñecidas no panorama literario galego, castelán e universal. Animádevos a visitala e a descubrir textos clásicos e modernos adscritos a distintos xéneros, modalidades e temáticas diversas que, de seguro, poderán acomodarse aos diferentes gustos literarios da nosa comunidade educativa.
Nesta escolma, poderedes atopar obras representativas de autoras da literatura galega como An Alfaya, Rosa Aneiros, Marilar Aleixandre, Rosalía de Castro, Concha Blanco, Xela Arias, María Solar, Rosalía Fernández, Fina Casalderrey, Antía Yáñez, Andrea Maceiras, Ledicia Costas, Eva Mejuto, Marina Mayoral, María Reimóndez, Iria Misa ou María Victoria Moreno.
Así mesmo, a selección de textos inclúe tamén pezas clave da literatura española, a través de autoras como Concha López Narváez, Laura Gallego, Ana María Matute, María Menéndez-Ponte, Gemma Lienas, R.J. Palacio, Rosa Huertas, Carmen Martín Gaite, Elena Gallego Abad, Care Santos ou Emilia Pardo Bazán.
Finalmente, esta exposición está integrada, ademais, por autoras cuxos textos enriqueceron o patrimonio literario universal. É o caso de María Gripe, Cassandra Clare, Stephanie Meyer, Sally Heathcote, Suzanne Collins ou Louisa May Alcott, sen esquecernos de importantísimas novelas ilustradas escritas por mulleres, como Persépole, de Marjane Satrapi, ou os clásicos Orgullo y prejuicio, de Jane Austen, e Cumbres borrascosas, de Emily Brontë, en edición bilingüe, xunto coa adaptación de Jane Eyre, de Charlotte Brontë, en banda deseñada.
Pola súa parte, a Biblioteca de Educación Infantil e Primaria do CPI Cabo da Area seleccionou para a conmemoración desta data tan significativa unha escolma de obras escritas ou ilustradas por artistas galegas de primeiro orde no panorama actual, tales como Fina Casalderrey, María Canosa, Gracia Iglesias ou Laura Tova, que ademais obsequiaron aos lectores e lectoras máis novos con exemplares das súas obras asinados por elas, tal e como podedes ver nas imaxes que acompañan a este texto.
Comments