Día da Candeloria (2 de febreiro)
- bibliocaboarea
- 7 feb 2023
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 19 mar 2023
O xoves, 2 de febreiro, a Biblioteca do CPI Cabo da Area, en colaboración co equipo de Dinamización da Lingua Galega, conmemorou o Día da Candeloria co alumnado de Secundaria. Para tal fin, habilitouse na Biblioteca do centro nos días previos unha caixa do amor. Nela, os estudantes que así o desexaron depositaron poemas de amor, amizade e admiración seleccionados de entre unha escolma realizada por ambos equipos de traballo. O obxectivo da actividade era dedicar ditas composicións ao compañeiro ou compañeira que eles escollesen, para celebrar a través dese xesto os vínculos de fraternidade e agarimo entre a comunidade educativa do centro xa iniciados grazas á dinámica proposta a finais de xaneiro co agasallo das pulseiras da paz a todo o alumnado do CPI Cabo da Area.




Os voluntarios e voluntarias da Biblioteca de Secundaria foron os encargados de elixir e organizar os poemas, así como de entregalos aos seus destinatarios durante o recreo do 2 de febreiro.



Pola súa parte, a Biblioteca de Educación Infantil e Primaria preparou unha exposición temática integrada polas cartas de amor e as ilustracións que o alumnado das dúas etapas dirixiu ao seu lugar favorito, incardinando esta actividade co tema anual do centro para o presente curso: Paisaxe, sustentabilidade e medio ambiente. Non deixedes de visitar e apreciar o magnífico resultado final!








Комментарии