Composicións poéticas orixinais no Día da Muller
- bibliocaboarea
- 26 mar 2023
- 1 Min. de lectura
A biblioteca do CPI Cabo da Area conmemorou o Día da Muller (8 de marzo) coa composición orixinal de romances dedicados a mulleres relevantes no eido histórico e cultural da Idade Media europea e a figuras femininas extraídas da literatura da época. Todos os textos foron redactados polo alumnado de 3º ESO, seguindo a estrutura métrica dos romances medievais.
O primeiro poema, recreado e recitado por Iria Costa, destaca os fitos máis importantes na vida de Xoana de Arco e a súa relevancia histórica. O segundo texto, elaborado por Enma Lobelos, resalta tamén a forte personalidade da heroína francesa, que xogou un papel crucial na fase final da Guerra dos Cen Anos.
O terceiro romance, composto por Sara Bello, está dedicado a louvar a figura de Melibea, unha das protagonistas de La Celestina. Pola súa parte, tamén Cristina Santos, autora do cuarto poema, se inspirou nesta obra clave da literatura española medieval para redactar o seu “Romance de Celestina”, sobre as argucias da meiga e medianeira amorosa máis famosa do século XV.
Finalmente, Ainara Rodríguez compuxo un texto poético arredor da figura de Leonor de Aquitania, que chegou a ser raíña consorte de Francia e Inglaterra.

Os romances foron emitidos na radio escolar Cabo da Area nas Ondas.
Parabéns ás cinco alumnas pola magnífica calidade das súas composicións e polo encomiable labor de dar a coñecer o valor e a importancia de tantas mulleres destacadas da historia e a cultura europea.
Comments